Xornada Informativa P.E. AFRENDE

0
744

FONTE: Facebook Concello de Forcarei

FORCAREI RETOMA AS CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE EÓLICOS PARA ABORDAR O PROXECTO AFRENDE

O Concello convoca a veciñas e veciños interesados para o sábado 2 de outubro no salón de actos municipal

O Concello de Forcarei vai retomar a celebración de charlas informativas sobre os parques eólicos que poden afectar ao municipio en cumprimento do compromiso asumido no seu día pola alcaldesa, Verónica Pichel.

A recente irrupción do proxecto denominado Afrende, con nove aeroxeradores (sete en territorio forcaricense) e unha potencia total de 53,6 megavatios, e do que se recibiu comunicación no Concello a mediados do pasado xullo, derivou nunha nova convocatoria para a veciñanza. A cita será o próximo 2 de outubro, sábado, no salón de actos da casa consistorial, cun límite de 20 prazas e con preferencia para as parroquias de Meavía e Quintillán. En caso de superarse ese número de interesad@s, o Concello fixará novos horarios para repetir a charla.

As persoas interesadas poden reservar praza no Concello de Forcarei 986 75 50 36 ou a secretaria_alcaldia@forcarei.net.

Como en ocasións anteriores, @s asistentes contarán con asesoramento técnico e xurídico para aclarar todas as súas dúbidas en relación ao devandito proxecto.

Sobre o parque eólico Afrende, a Xunta de Galicia comunicou hai algo máis de tres semanas ao Concello a emisión dun informe desfavorable asinado pola Subdirección Xeral de Enerxía, que reflicte que a totalidade das infraestruturas e parte da poligonal están emprazadas fóra das áreas desenvolvemento eólico incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia. Ademais existen posicións do novo parque que se solapan cos de Outeiro Grande e Barreiro, en tramitación, e a poligonal invade zonas da Rede Natura 2000.

O Concello de Forcarei, pola súa parte, xa presentou alegacións a este proxecto nas que reclama máis rigorosidade no expediente sobre as implicacións do parque en relación ao patrimonio cultural, material, natural, xeolóxico ou ambiental da área afectada. En canto se abra o prazo de alegacións para veciñ@s, comunidades de montes, etc., o Concello porá modelos de formularios a disposición d@s interesad@s.