O venres 18 de xullo foi publicado no DOG o Acordo do 10 de xullo de 2025 do Departamento Territorial de Ourense, polo que se someten a información pública o proxecto de explotación, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o plan de restauración presentados xunto coa solicitude de pase a concesión de explotación de 17 cadrículas mineiras derivadas do permiso de investigación Alberta I nº 4966.1.1, que afectan aos concellos de Beariz, Avión (Ourense) e A Lama (Pontevedra).
👉 Consulta o procedemento e documentación oficial
Anuncio publicado no DOG Documentos do proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración
Por que é importante?
Este proxecto, coñecido como Mina Doade, busca extraer litio nunha zona de alto valor natural e hídrico. Xa no ano 2020 fora denegado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, precisamente polo impacto negativo sobre os acuíferos, ademais de tentar tramitarse sen unha DIA adecuada.
Dende hai máis dunha década, organizacións como o SOS SUIDO SEIXO e múltiples colectivos veciñais advertiron da falta de transparencia no proceso e dos riscos ambientais, sociais e económicos asociados a este tipo de proxectos mineiros que antepoñen o beneficio privado fronte ao ben común.
Que podes facer ti?
Temos ata o 2 de setembro para presentar alegacións, tanto a título individual como colectivo. Cada voz conta, e xa demostramos noutros casos que a organización social pode parar proxectos que ameazan a nosa terra e o noso futuro.
Poñemos á túa disposición:
- Modelo de alegación individual (ligazón ao modelo)
- Información detallada do proxecto (ligazón á documentación)
Participa, difunde, alega
A nosa forza está na unión da veciñanza.
MINA DOADE, NON!