Revogadas as autorizacións do parque eólico Pico Touriñán e arquivada a súa liña de evacuación
Excelente noticia para a veciñanza da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e Silleda.
O Diario Oficial de Galicia do pasado 21 de agosto de 2026 publicou a resolución pola que a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático revoga as autorizacións administrativas concedidas ao parque eólico Pico Touriñán e acepta o desistimento da liña de alta tensión de 132 kV prevista para a súa evacuación, procedendo ao arquivo de ambos os expedientes.
Isto supón que quedan definitivamente arquivados, tal e como estaban tramitados, dous proxectos que afectaban directamente a cinco concellos da provincia de Pontevedra:
- O Parque Eólico Pico Touriñán, situado nos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.
- A LAT 132 kV Subestación Parque Eólico Pico Touriñán – Subestación Parque Eólico Monte Festeiros, que atravesaría os concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei e Silleda.
A promotora recoñece a imposibilidade de continuar cos proxectos
A propia resolución explica o motivo que levou Enel Green Power España, S.L. a abandonar a tramitación.
O 10 de xullo de 2025, a empresa comunicou á Dirección Xeral a imposibilidade de continuar co desenvolvemento da liña de alta tensión como consecuencia dos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o 7 de maio de 2025, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o 11 de xuño de 2025, en relación co seu estudo de impacto ambiental.
E hai un dato especialmente relevante: segundo recolle expresamente a resolución, esta imposibilidade de executar a infraestrutura de evacuación impide, á súa vez, o desenvolvemento do propio parque eólico Pico Touriñán.
Por este motivo, Enel solicitou o desistimento das autorizacións da liña de evacuación e renunciou ás autorizacións administrativas que xa tiña concedidas para o parque eólico. A Xunta acepta agora esa renuncia, revoga as autorizacións e arquiva os dous expedientes.
Un proxecto que levaba máis dunha década en tramitación
O Parque Eólico Pico Touriñán arrastraba unha longa tramitación administrativa. En 2010 foi admitida unha solicitude para un parque de 30 MW e, posteriormente, en 2018, concedéronse as autorizacións administrativas previa e de construción para un proxecto de 24 MW, promovido xa por Enel Green Power España. Máis tarde plantexouse unha modificación que elevaba a potencia ata os 26,4 MW.
A solución de evacuación tamén foi modificándose ao longo dos anos. Finalmente, en decembro de 2020, Enel solicitou autorización para unha nova infraestrutura: a LAT de 132 kV entre a subestación do Parque Eólico Pico Touriñán e a subestación do Parque Eólico Monte Festeiros, que foi sometida a información pública en 2023.
Agora, esa longa tramitación chega ao seu fin.
Unha excelente noticia para o territorio
Desde Terra de Montes en Perigo celebramos unha resolución que supón que nin o Parque Eólico Pico Touriñán nin a LAT de 132 kV Pico Touriñán–Monte Festeiros seguirán adiante nos termos dos expedientes agora arquivados.
É unha excelente noticia para as persoas e lugares afectados na Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e Silleda, e unha mostra máis da importancia de analizar con rigor os impactos acumulativos das grandes infraestruturas enerxéticas sobre o noso territorio.
Neste caso, os informes de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural acabaron facendo inviable a infraestrutura de evacuación e, con ela, o propio parque eólico.
Dous expedientes menos sobre o territorio.
Unha boa noticia que merece ser celebrada.
Deixamos a continuación o enlace a resolución publicada no DOG







