“A cidadanía ten que preguntarse por que teñen tanto interese en tramitar eólicos a través da Xunta”

0
740

O galego Fernando de Abel é un dos compoñentes do equipo legal do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, que en apenas mes e medio recadou case 50.000 euros para facer fronte á “invasión eólica” que axexa o territorio. “A veciñanza carece dos medios e o tempo para facer fronte ás eólicas”, di. Conversamos con el sobre a lexislación que regula estes proxectos na Galiza.

-Por que decidiu sumarse a este proxecto?

Son socio da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e membro da súa directiva desde hai anos, e quixemos participar desta causa ante toda esta invasión de muíños que estamos a padecer. Tamén por unha cuestión de convencemento persoal, de que hai que loitar pola defensa do medio ambiente, e pareceume unha boa oportunidade para axudar.

-Cal vai ser o seu labor desde o equipo xurídico do Fondo para a Defensa Xurídicada Cordilleira Cantábrica?

Polo de agora estamos a organizar os grupos de traballo e definindo a nosa estratexia. Pensa que non só na Galiza, senón no resto da cordilleira cantábrica, vivimos un proceso no que practicamente pasamos de cero a cen cos proxectos eólicos.

O que xa fixemos foi recorrer de alzada o Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC) 2021-2030, estámonos organizando para impugnalo polo contencioso. E tamén estamos definindo como imos atender as solicitudes de asistencia que recibimos das persoas afectadas ao amplo e ancho da cordilleira cantábrica.

-Están a recibir moitas solicitudes nestes primeiros días?

Chegan moitas, e cada proxecto atópase nun estado de tramitación concreto, polo que temos que estudar cada un de forma separada. Faremos todo o posíbel pola vía administrativa, e algúns deses proxectos eólicos chegarán aos tribunais de Xustiza, iso é inevitábel.

-A Lei 9/2021, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica, reduce os prazos de exposición pública dos proxectos eólicos e minimiza os trámites para as empresas. Cre que esta norma ‘achaia’ o camiño ás promotoras dos parques?

Se a de 2017 [Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais] era coñecida como ‘Lei de depredación’, esta é a ‘Lei de depredación II’. Unha das cuestións máis salientábeis é que mingua o dereito á participación cidadá no ámbito da tramitación de proxectos eólicos.

Todas as medidas que foron adoptando os sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feixoo, que chegou á presidencia da Xunta abandeirando precisamente a loita contra o concurso eólico do bipartito, tenden a favorecer o negocio dos promotores eólicos privados.

O canon eólico [creado a raíz da Lei 8/2009, do aproveitamento eólico] ten unha configuración propia dun imposto regresivo, o cal é marcadamente anticonstitucional, porque a Constitución [no artigo 31.1] di que teñen que ser progresivos. Co actual canon, na industria eólica, canto máis produces menos pagas.

E por último, a partir destas normas minguaron considerabelmente os dereitos dos propietarios das terras. A lei permite que un promotor eólico solicite á Xunta a declaración de utilidade pública dun parque, e ir pola vía da expropiación forzosa, sen ter que xustificar que negociou cun particular para arrendar os terreos.

Logo está a figura dos proxectos de especial interese, que é algo que declara a Administración dunha forma absolutamente libre na práctica, e eses parques eólicos gozan dunha tramitación prioritaria e dunha redución dos prazos de exposición pública.

-Outra das cuestións que se está a pór de manifesto é a “fragmentación artificiosa” dos proxectos que se presentan.

Empeza a haber xurisprudencia, estanse tirando parques pola fragmentación, que xa é todo un clásico para evitar a tramitación polo Ministerio para a Transición Ecolóxica [por superaren os 50 megawatts]. O que ten que preguntarse a cidadanía é por que teñen tanto interese en tramitalos a través da Xunta.

-Cómpre someter todos os proxectos en trámite a unha Avaliación Ambiental Estratéxica para decretar o impacto no conxunto do país?

Por suposto que si. Porén, sendo sensatos, o que cumpriría é paralizar todo isto, porque está definindo un camiño que ten difícil volta atrás. En abril de 2021 estaban a tramitarse máis de 130 parques, e a finais de 2020 xa había aeroxeradores instalados en 106 concellos… Os números son os que son.

Na Galiza temos un plan eólico que non foi sometido a unha avaliación de impacto ambiental, e antes de se aprobar xa tiñamos a primeira remesa de eólicos, estaba repartido o pastel. Deberiamos paralo e reflexionar; se non, hipotecaremos o futuro do país.

Se miramos a realidade deses concellos, atopamos que son eminentemente rurais e padecen o despoboamento e o envellecemento, isto quere dicir que o retorno social desa eólica instalada non está a ser satisfactorio nin crea un tecido produtivo ao abeiro deses muíños.

-Atópase a veciñanza afectada nunha situación de “indefensión” ante as promotoras?

Padecen unha situación de indefensión total. Eses mantras neoliberais da Xunta sobre o emprendemento e a axilización dos trámites van en detrimento dos dereitos dos cidadáns. Temos uns promotores eólicos que coñecen o seu negocio e están ao día das leis e os procesos de tramitación. E por outra banda hai uns veciños que teñen os seus traballos e as súas vidas e carecen dos medios e o tempo precisos para facer fronte a todo isto.

A falta de protección ambiental, unha situación “abraiante”

De Abel pon o foco no escaso desenvolvemento das normativas de protección ambiental: “Hoxe pódense situar eólicos fóra das perimetrais delimitadas no Plan sectorial eólico sempre que non entren na Rede Natura 2000. É unha situación abraiante, hai unha planificación dun determinado sector e unha lei di que se pode saltar esa planificación”, lamenta.

Aliás, De Abel lembra que a ampliación da Rede Natura “leva anos nun caixón”. “A esta realidade enfrontámonos”, di, e salienta o “incumprimento sistemático” das normativas comunitarias da UE.