DIA DESFAVORABLE PARA O MACROPROXECTO EÓLICO PEol-922 AC: ALAMOCEIROS, CHAMARRAPIO E XUBRINTAS

0
62

Hoxe coñecemos unha noticia moi importante para o territorio: a avaliación ambiental do macroproxecto eólico PEol-922 AC, que agrupaba os parques Alamoceiros, Chamarrapio e Xubrintas e parte da súa infraestrutura de evacuación, rematou cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) DESFAVORABLE.

Segundo consta na Sede Electrónica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o expediente figura como “Resolución emitida”, con data de resolución do 18 de setembro de 2026 e sentido “DIA Desfavorable”.

Trátase dun complexo de grandes dimensións que contemplaba tres parques eólicos cunha potencia conxunta superior aos 184 MW, ademais de subestacións e infraestruturas de evacuación, afectando os concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, A Lama, Fornelos de Montes e Covelo. O propio anuncio de información pública publicado no BOE recollía 14 aeroxeradores para Chamarrapio, 13 para Alamoceiros e 13 para Xubrintas, xunto cunha extensa rede de infraestruturas eléctricas asociadas.

Desde Terra de Montes en Perigo xa advertimos durante a información pública de que estabamos ante unha actuación de enorme dimensión territorial e das importantes afeccións ambientais, paisaxísticas, patrimoniais e sociais que podía provocar. Tamén se puxeron sobre a mesa preocupacións relacionadas coa proximidade ás aldeas e as posibles repercusións sobre a calidade de vida e a saúde pública.

A día de hoxe, porén, a Declaración de Impacto Ambiental aínda non foi publicada no BOE, polo que non sería rigoroso atribuír a decisión a unhas afeccións concretas ata coñecer o texto completo da resolución. Será precisamente esa publicación a que permita saber que informes, afeccións e argumentos levou o órgano ambiental a formular unha DIA desfavorable. A Lei 21/2013 establece que a DIA é un informe preceptivo e determinante sobre os efectos significativos do proxecto e que debe publicarse no diario oficial correspondente.

O que si podemos afirmar é que esta resolución supón un freo decisivo ao proxecto tal e como foi sometido a avaliación ambiental.

Queremos dar especialmente as grazas a todas as persoas, colectivos e entidades que dedicaron o seu tempo a estudar a documentación e presentar alegacións. Cada alegación serviu para deixar constancia das preocupacións existentes no territorio e para achegar información ao procedemento de avaliación ambiental. A propia normativa establece que a DIA debe incorporar un resumo da información pública e das consultas realizadas e explicar como foron tidas en consideración.

Hai pouco máis dun ano faciamos un chamamento público para alegar contra este macroproxecto. Hoxe coñecemos que a súa avaliación ambiental remata cun resultado desfavorable.

Agora quedamos á espera da publicación íntegra da Declaración de Impacto Ambiental, que analizaremos en detalle para coñecer os motivos concretos polos que o Ministerio conclúe que o PEol-922 AC non supera a avaliación ambiental.

Grazas a todas e todos os que participastes, alegastes e contribuístes a poñer sobre a mesa as afeccións deste proxecto. A defensa do territorio tamén se constrúe estudando, informando e participando nos procedementos públicos.