Martes, Outubro 20, 2026
HomeMACROPROXECTO PEol-913 ACOutro macropolígono industrial eólico freado: DIA desfavorable para os cinco parques do...

Outro macropolígono industrial eólico freado: DIA desfavorable para os cinco parques do PEol-913 AC

O Ministerio emite este 20 de outubro unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable para o macroproxecto que agrupaba Agratrina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, con case 291 MW de potencia e infraestruturas de evacuación asociadas nas provincias de Ourense, Pontevedra e Lugo.

Unha nova e importante noticia para a defensa do noso territorio. O macroproxecto industrial eólico PEol-913 AC non superou a avaliación ambiental.

Segundo consta na Sede Electrónica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o expediente figura como «Resolución emitida», con data do 20 de outubro de 2026 e sentido «DIA Desfavorable».

En maio de 2025, desde Terra de Montes en Perigo xa advertiamos da desmesurada dimensión deste proxecto e das importantes afeccións ambientais, paisaxísticas, patrimoniais e sociais que podía provocar. Denunciabamos a súa implantación en zonas de elevada sensibilidade ambiental, as posibles repercusións sobre a biodiversidade e os impactos acumulativos con outros proxectos eólicos.

Por iso, fixemos un chamamento á veciñanza para participar no procedemento de información pública, facilitando modelos de alegacións e reclamando unha avaliación rigorosa das afeccións.

Hoxe sabemos que este enorme complexo industrial eólico, tal e como foi sometido a avaliación, recibe unha DIA desfavorable.

Trátase do segundo gran macroproxecto eólico que recibe unha declaración ambiental desfavorable na nosa contorna en pouco máis dun mes, despois da resolución relativa a Alamoceiros, Chamarrapio e Xubrintas (PEol-922 AC).

Á espera de coñecer os motivos concretos

A Declaración de Impacto Ambiental aínda non figura publicada no BOE, polo que debemos agardar ao seu texto íntegro para coñecer os informes, as afeccións e os argumentos que fundamentan esta decisión.

Será entón cando poidamos comprobar en que medida as cuestións ambientais e territoriais que denunciamos e alegamos durante a tramitación aparecen recollidas na resolución.

Desde Terra de Montes en Perigo queremos agradecer unha vez máis o traballo de todas as persoas, comunidades de montes, asociacións e colectivos que participaron na defensa deste territorio.

O rural non pode converterse nunha sucesión interminable de polígonos industriais eólicos sen unha avaliación rigorosa das súas consecuencias.

Seguiremos atentos á publicación da DIA íntegra para compartila coa veciñanza e analizar os motivos concretos desta resolución.

O rural non se vende, deféndese!

Relacionados

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Máis vistas

Comentarios recentes

Milagros cortegoso on Alta como SOCI@