O Ministerio publica os motivos da Declaración de Impacto Ambiental desfavorable do macroproxecto de cinco parques eólicos que ameazaba amplas zonas do interior de Galicia. Xestiloi, Ventoburgo e Sistesas, que afectaban directamente a Terra de Montes, xa foran eliminados ou desmantelados na proposta modificada.
O pasado 20 de outubro coñeciamos que o macroproxecto industrial eólico PEol-913 AC, integrado inicialmente polos parques Agratrina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, recibira unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) DESFAVORABLE.
Agora, coa publicación da resolución íntegra no BOE do 5 de novembro de 2026, coñecemos os motivos concretos polos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico conclúe que non queda acreditada a viabilidade ambiental deste enorme complexo industrial eólico.
E a lectura da resolución deixa datos especialmente reveladores.
De 73 aeroxeradores operativos a só 9: un proxecto que foi perdendo dimensión ante as afeccións detectadas
O proxecto inicialmente sometido a información pública contemplaba 80 posicións de aeroxerador, das cales 73 eran operativas e 7 de reserva, cunha potencia conxunta de 290,99 MW, ademais de subestacións e unha extensa rede de liñas eléctricas de evacuación.
Tres daqueles parques, Xestiloi, Ventoburgo e Sistesas, afectaban directamente a Terra de Montes e contemplaban inicialmente un total de 44 aeroxeradores operativos.
Porén, tras o proceso de información pública e os informes dos organismos consultados, os promotores tiveron que introducir modificacións de enorme alcance:
- Xestiloi e Ventoburgo foron eliminados por completo da proposta finalmente avaliada.
- Sistesas perdeu todos os seus aeroxeradores, aínda que se mantivo parte da súa infraestrutura eléctrica de evacuación.
- Agratrina e Agromaces quedaron integrados nun único parque, denominado Agromaces, con tan só 9 aeroxeradores.
A propia resolución explica que estas modificacións respondían á necesidade de reducir os impactos sobre o patrimonio natural e cultural, evitar a saturación de determinadas áreas e minimizar os efectos acumulativos con outros parques eólicos.
Dos 73 aeroxeradores operativos inicialmente previstos só quedaban 9. E nin sequera esa redución foi suficiente para superar a avaliación ambiental.
Que motivos fundamentan a DIA desfavorable?
A resolución recolle numerosas deficiencias e afeccións que persistían na documentación presentada polos promotores, mesmo despois de reducir considerablemente o proxecto.
Entre as cuestións máis relevantes destacan:
- Biodiversidade e fauna protexida. Deficiencias nos estudos de aves e morcegos, falta de información sobre determinadas especies protexidas e insuficiente avaliación da perda de hábitats e dos riscos de colisión.
- Vexetación e hábitats naturais. Carencias nos estudos de campo e na cartografía empregada, que impedían valorar adecuadamente as afeccións sobre a vexetación autóctona e os hábitats de interese comunitario.
- Auga e recursos hídricos. Persistían cuestións sen resolver sobre os cruzamentos das liñas eléctricas con cursos de auga, a ocupación de zonas de protección e as posibles afeccións ao dominio público hidráulico.
- Poboación e saúde pública. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta sinalou deficiencias nos estudos de ruído, parpadeo de sombras e campos electromagnéticos, que impedían realizar unha avaliación adecuada dos efectos sobre a poboación.
- Impactos acumulativos e sinérxicos. O Ministerio constatou que os estudos non avaliaban suficientemente os efectos conxuntos das instalacións eólicas existentes e proxectadas, unha das preocupacións que levamos anos denunciando desde o territorio.
O patrimonio cultural: só catro aeroxeradores resultarían viables dos nove restantes
Un dos aspectos máis contundentes da resolución aparece nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
O organismo sinalou que, incluso despois das importantes modificacións realizadas, persistían afeccións sobre elementos do patrimonio cultural e sobre o Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra, declarado Ben de Interese Cultural.
A súa conclusión foi especialmente significativa: das nove posicións de aeroxerador que permanecían na proposta modificada, unicamente catro resultarían viables desde a perspectiva patrimonial, quedando ademais pendente de avaliación parte da infraestrutura de evacuación.
Ante os novos cambios requiridos, os propios promotores recoñeceron que o proxecto resultante perdía a súa viabilidade técnica e económica, ao non poder asumir os custos das infraestruturas eléctricas necesarias.
En consecuencia, non asumiron as últimas modificacións solicitadas, non actualizaron o estudo de impacto ambiental e non achegaron a documentación adicional requirida.
O BOE recolle expresamente as alegacións da Aasociación Veciñal Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes
Desde Terra de Montes en Perigo queremos destacar outro aspecto importante da resolución: o recoñecemento documental da participación veciñal.
O BOE recolle 3.736 escritos de alegacións presentados durante a información pública, dos cales 3.337 se tramitaron pola Dependencia de Pontevedra e 399 pola da Coruña.
Ademais, cita expresamente a Asociación Veciñal Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes en diferentes apartados relativos á vexetación, fauna, recursos hídricos, patrimonio cultural e impactos acumulativos.
Entre outras cuestións, a resolución recolle que a asociación advertiu das afeccións que o proxecto podería ocasionar sobre o patrimonio cultural inmaterial da Rapa das Bestas de Sabucedo.
En maio de 2025 xa faciamos un chamamento público para estudar este macroproxecto e presentar alegacións. Advertiamos da súa dimensión desproporcionada, da súa implantación en zonas ambientalmente sensibles e da acumulación de infraestruturas industriais eólicas sobre o noso territorio.
Hoxe, a lectura da DIA confirma que moitas daquelas preocupacións estaban plenamente xustificadas e tamén foron sinaladas polos organismos competentes.
Defender o territorio tamén é estudar, alegar e participar
En apenas unhas semanas coñecemos dúas declaracións ambientais desfavorables para dous grandes macroproxectos eólicos que ameazaban Terra de Montes: PEol-922 AC (Alamoceiros, Chamarrapio e Xubrintas) e agora PEol-913 AC (Agratrina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi).
Son dous expedientes diferentes, pero ambos evidencian a importancia de examinar con rigor os impactos que estas instalacións poden provocar sobre o territorio.
Desde Terra de Montes en Perigo queremos agradecer o enorme traballo das persoas, comunidades de montes, asociacións e colectivos que dedicaron o seu tempo a estudar centos de documentos, formular alegacións e defender os valores ambientais, culturais e sociais das nosas comarcas.
A DIA desfavorable supón un freo decisivo á autorización deste macroproxecto tal e como foi avaliado.
O noso territorio non é un espazo baleiro á disposición de grandes proxectos industriais. É o lugar onde vivimos, onde traballamos e onde queremos seguir vivindo.
Seguiremos defendendo unha transición enerxética que respecte as persoas, a biodiversidade, o patrimonio e o futuro do rural.
O RURAL NON SE VENDE, DEFÉNDESE!
📄 CONSULTA A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL COMPLETA
Resolución do 20 de outubro de 2026, publicada no BOE do 5 de novembro de 2026.
Referencia: BOE-A-2026-23246



