Os residentes de Filloi (Forcarei) elevaron este domingo unha solicitude formal de paralización cautelar das obras dunha torre de telecomunicacións de 40 metros de altura que ON TOWER TELECOM INFRASTRUCTURES, S.L. prevé executar nunha parcela situada moi próxima ás vivendas da aldea e que, segundo a documentación do proxecto, prestará servizo inicialmente a Orange, quedando aberta a súa utilización futura por parte doutras operadoras.
A decisión prodúcese despois de que os veciños se dirixisen formalmente á empresa promotora solicitando que desistise voluntariamente da localización elixida. No escrito remitido á empresa, o vecindario foi claro ao advertir das consecuencias sociais da actuación, sinalando textualmente:
“Solicitámoslles que sexan sensibles ao sentir unánime do vecindario e que desistan voluntariamente da instalación da antena na ubicación actualmente plantexada, evitando así un conflito social, administrativo e xudicial que entendemos innecesario e perfectamente evitable.”
Segundo explican os residentes, a resposta da empresa foi manter a súa intención de levar a cabo a instalación, sen atender á oposición veciñal nin valorar alternativas afastadas das vivendas.
A solicitude de paralización chega tamén tras constatar a inminencia do inicio das obras. Segundo relatan os veciños, o pasado venres colocáronse piquetas de sinalización na finca, e na tarde do sábado desprazouse maquinaria pesada ao lugar, coa previsión, segundo indicaron os propios operarios, de comezar a excavación este luns.
“Non estamos en contra das telecomunicacións nin da mellora da cobertura”, explican desde Filloi, “pero nun entorno rural como o noso existen emprazamentos alternativos de sobra, moito máis afastados das casas, que permitirían prestar o mesmo servizo sen xerar este conflito”.

Os veciños cuestionan tamén o discurso da promotora, que na súa resposta fala de respecto polo entorno. “O entorno non é só o terreo ou a paisaxe, o entorno somos as persoas que vivimos aquí todo o ano, e iso é o que non se está a respectar”, denuncian.
Coa solicitude presentada ante o Concello de Forcarei, os residentes piden que antes de que as obras avancen se adopten medidas de cautela e se revise con rigor a actuación, evitando feitos consumados nun proxecto que afecta directamente á calidade de vida da poboación local. Tamén reclaman que o Concello exerza un papel activo de mediación con ON TOWER e Orange para que se reconsidere a ubicación da torre e se busque unha alternativa compatible co servizo e co respecto ao rural habitado.
Desde Terra de Montes en Perigo manifestamos o noso apoio total ao vecindario de Filloi, e estaremos ao seu lado durante todo o proceso, defendendo o territorio, a convivencia veciñal e a calidade de vida no rural.







